Curso académico 2011/2012

 

AULA DE TEATRO DA USC

PROGRAMA DE FORMACIÓN TEATRAL

Curso académico 2011 – 2012

 Todos os cursos impartiranse na sala de teatro Roberto Vidal Bolaño (Campus Vida)

 

Taller de arte dramática 1: iniciación á interpretación    

Profesor: Roberto Leal        

Datas: 19,24,26 outubro / 2,7,9,14,16,21,23,28,30 novembro / 12,14 decembro

Horario: 12,00 – 14,00  (28 horas lectivas)

Prazas: 12

Un curso práctico dirixido a persoas que se inician na arte dramática onde se poderá experimentar, a través dos distintos elementos da linguaxe teatral, un completo proceso de traballo de creación dramática. A partir dun texto previo, o alumno será o auténtico protagonista do proceso estimulando a creatividade individual e de grupo nas distintas facetas das que se compón unha montaxe (interpretación, dirección, escenografía, vestiario, maquillaxe…)

 Obxectivos:

Potenciar a conciencia dramática e escénica.

Activar a nosa atención, a nosa sensibilidade e a nosa imaxinación.

Aprender a dicir e interpretar os textos.

Xogar coas posibilidades do noso corpo como elemento de expresión, coa  voz, co ritmo, coa entoación…

Coñecer os rudimentos da montaxe escénica, representando pequenas escenas ou fragmentos de textos teatrais.

 

Técnica vocal para actores

Profesor: Pablo García Ferradás

Datas: 12,19,26 xaneiro / 2,9,16,23 febreiro / 8,15,22,29 marzo / 12,19,26 abril / 3,10 maio

Horario: 19,00 – 21,00  (32 horas lectivas) 

Prazas: 15

 A técnica vocal do actor implica un coñecemento dos fundamentos da fonación. Necesitamos dun aparato fonador adaptable e dúctil para que sexa maleable ante as infinitas personaxes que necesitemos encarnar. Por iso é preciso a aprendizaxe dunha técnica vocal que garanta por unha banda o uso eficaz da voz ao servizo da interpretación, a través da potenciación das calidades vocais do actor e por outra parte que axude a previr problemas vocais que poidan lesionar a saúde do aparato vocal.

DINÁMICA DE TRABALLO:

– Anatomía da fonación: a través dunha exposición teórica, contando cunha presentación en Power Point e material audiovisual de distinta índole tratarase de explicarlle ao alumno os distintos sistemas que compoñen o aparato fonador e como funciona o mecanismo fonatorio.

– Traballo corporal: este apartado faranse exercicios de postura, relaxación e respiración que dalgún xeito preparen o corpo para poder emitir a voz correctamente.

-Traballo vocal: os contidos exposto na parte vocal abordaranse mediante un riguroso traballo a través de diferentes exercicios realizados de forma individual ou grupal, como vocalizacións, xogos vocais, etc.

Buscaremos a parte práctica de todo o visto anteriormente a través do traballo de recreación de diferentes situacións vocais, sobre textos teatrais, improvisación, etc.

– Hixiene e coidados da voz: trataranse aspectos relativos a hábitos saudables e conductas vocais preventivas para preservar a saúde do aparato vocal.

OBXECTIVO XERAL: o que se pretende acadar coa realización deste curso e que o alumno chegue a coñecer un pouco máis a súa voz, o seu funcionamento e otorgaráselle todas aquelas ferramentas que lle sirvan para coidala e sobre todo para potenciala, a través do coñecemento e a aplicación dunha técnica vocal liberadora da voz, e deste xeito que apliquen saudables patróns vocais a súa labor interpretativa.

OBXECTIVOS ESPECÍFICOS:

– Entender a relación corpo-voz.

– Adquirir un tipo respiratorio axeitado para un óptimo funcionamento da voz.

– Mellorar as cualidades vocais en xeral: timbre, potencia, etc.

– Acadar un bo nivel de proxección e impostación da voz.

– Conseguir unha articulación clara para unha correcta intelixibilidade.

– Alcanzar un control da modulación: tempos, intesidades, pausas, énfase, etc

 

Xastraría de teatro

Profesora: Clotilde Vaello                                                  

Datas: 12,13,14,15,16 decembro

Horario: 19,30 – 21,30  (10 horas lectivas)

Prazas: 8

Neste curso achegaremos o alumno á linguaxe do vestiario teatral e ao estudio dos diversos materiais para finalmente confeccionar un prototipo

                       

Monográfico de interpretación

Profesor: Roberto Salgueiro

Datas: 9,10,11,16,17,18,23,24,25,30 xaneiro

Horario: 17,00 – 20,00  (30 horas lectivas)

Prazas: 12

 

No presente seminario traballaremos a interpretación desde a posta en escena dunha peza para o cal analizaremos e construiremos os personaxes de dous textos ben diferentes esteticamente e que precisan de técnicas diferenciadas:

Memoria de Helena e María

Valentino Rufini e Âkil Pillabán de viaxe a Milán (e van sen un can)

Por esta razón, na primeira quincena de decembro facilitaranse ambos textos aos/ás alumnos/as inscritos/as, coa indicación expresa de telos lido para o comezo do traballo.

Aspectos centrais a tratar:

 Análise do personaxe

Conceptos básicos de construción

O corpo e a voz como ferramentas dun valor estético

A escoita en escena e o valor doutro

A contención de enerxía: o control físico e emocional

Exercicio final de presentación

Obxectivo:

Dotar o/a alumno/a das ferramentas precisas para a construción dun traballo de interpretación coherente e verosímil

 Dado que a meirande parte do traballo se realizará individualmente e por parellas, o curso está aberto ben a persoas que se están iniciando na interpretación como a aquelas outras que conten xa con experiencia.

Iluminación            

Horario: 19,00 – 22,00  (15 horas lectivas)

Datas: 27,28,29 febreiro / 1,2 marzo

Prazas: 14

Introdución á iluminación teatral. Tipo de proxectores e rendementos. O uso da cor. A luz sobre o actor e os obxectos.

Interpretación: o actor e o seu corpo

Profesor: Gonçalo Guerreiro

Datas: 5,6,8,12,13,15,20,22,26,27,29 marzo

Horario: 17,00 – 19,00  (22 horas lectivas)

Prazas: 12

 O Teatro do Movemento

Dentro dunha atmósfera lúdica, os alunos teñen a posibilidade de explorar xestos, atitudes e movementos que a vida cotiá non lles permite realizar. A través do xogo, o Teatro do Movemento desenvolve a espontaneidade corporal, o instinto e a percepción.

O primeiro nível do traballo de expresión é levar o corpo a integrarse no espazo e a reatopar a súa plasticidade. Trátase dun recoñecemento do corpo con el mesmo no seu dinamismo e na súa riqueza de movementos.

O segundo nível refírese á identificación. O corpo humano é capaz de imitar absolutamente todo o que existe na natureza. Por “imitar” entendase “transformarse en”, “ser”. De tal xeito que o espectador, a través da suxestión do actor, non vexa o seu corpo, senon a áuga, o vento, unha floresta ou unha montaña. O corpo humano en movemento é mesmo capaz de chegar a suxerir un son, unha cor ou unha materia.

O terceiro nível adicase á transformación. Quere dicir que as calidades dinámicas da áuga, do vento, dunha cor ou dunha materia son traformables nun personaxe humano con esas mesmas características. Como camiña un personaxe “terra”? Como fala un personaxe “fogo”? Como xesticula un personaxe “chicle”? O curso remata coa creación de escenas que poñan en valor as características de todolos personaxes.

 

Comedia da arte

Profesor: Alberte Cabarcos

Datas: 9,10,12,16,17,19,23,24,26 abril / 2 maio

Horario: 19,00 – 21,00  (22 horas lectivas)

Prazas: 10

Curso de iniciación á comedia da arte. Personaxes, tipoloxía, movemento. A improvisación.

A “commedia dell’arte” é un xogo de disposicións estritas, como todo xogo teatral, que aglutina varias técnicas de creación e interpretación e que traballa moitos aspectos importantes na formación dun actor: a expresividade corporal; a contención do xesto e a súa articulación e ritmo; a improvisación; o traballo de creación individual dentro dun colectivo rítmico de personaxes; a caricatura, a bufonada; a estratexia na consecución dos obxectivos; a escoita; a acción/reacción; o que hoxe se nos presenta a miúdo en distintos apartados, libros e cursos; o que son hoxe diferentes asignaturas e mesmo diferentes disciplinas teatrais, hai cincocentos anos non eran tal. Moliere xa improvisaba como logo escribiu Stanislavski e o actor que interpretaría a Arlequino xa tiña que facer a biomecánica de Grotowski, sen el sabelo. A commedia foi o principio do oficio do actor como hoxe o entendemos: do actor creativo, que procura no seu corpo a súa principal ferramenta de traballo. E isto aconteceu logo de acochar a cara cun coiro: logo de poñer a máscara. Unha máscara que logo de ser expresiva foi neutra para descubrirmos canto de neutro e de expresivo pode e ten que ser o noso corpo.

Unha máscara agocha unha personaxe, obriga a representar un carácter e unha expresión física que responde ao rostro da máscara pero que non é portadora de vida por si soa, senón máis ben é portadora de incomodidades para o actor: carencia de aire, de visión, …

Á máscara cómprelle dar vida, sostela como sostemos as palabras,  dándolle a cada movemento, a cada pausa e a cada acción o ton, o volume e o ritmo que queremos transmitir. E todo isto debemos facelo en compañía doutras máscaras. Cos seus ritmos, intencións, obxectivos e comportamentos, nunha sorte de improvisación casual estritamente ensaiada.

  • Introdución ao traballo corporal. Relaxación, tensión, enerxía.
  • Xogo dramático. Creación e improvisación.
  • Presentación de arquetipos/personaxes. Zanni, Capitano, Dottore, Pantalone, Namoratti…
  • Introdución á commedia dell’arte. Técnicas e Canovaccios.

As sesións de traballo estrutúranse en tres fases:

            1º.-      Quecemento, estiramentos e técnicas corporais.

(Training, acrobacia, dispoñibilidade, atención, concentración…)

            2º-       Presentación de conceptos. Práctica e exercicios.

(Introdución á Commedia dell’arte)

            3º-       Traballo, ensaio e exposición.

O obxectivo é que o alumno coñeza o traballo do actor en relación coa Commedia dell’arte e dispoña dos coñecementos básicos necesarios para seguir a profundar no campo da commedia. Así mesmo, poñerase a disposición dos alumnos unha metodoloxía de traballo que lle servirá para desempeñar a súa actividade noutros xéneros ou estilos teatrais, sendo isto de gran interese na formación inicial dun actor.

Programa gratuíto para integrantes das compañías de teatro da USC:

(As persoas interesadas deberán presentar un breve currículo e datos de contacto antes do día 30 de novembro do presente curso académico)

Introdución á dirección de escena.

Elementos constitutivos dunha montaxe teatral: texto teatral, conceptos de análise, o actor, a escenografía, a iluminación, o espazo sonoro e o vestiario.

Profesor: Roberto Salgueiro

Datas: 5,6,7,12,13,14,20,21 marzo

Horario: 16,30 a 18,30  

Prazas: 14

Matrícula gratuíta

Prazo e lugar de matrícula

Desde o 6 de outubro ata cubrir as prazas por rigorosa orde de inscrición, na Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua (Colexio de San Xerome, Praza do Obradoiro, s/n)

Prezos

Comunidade universitaria 35 euros cada curso / Taxa xeral 70 euros cada curso

 

Prezos reducidos

Comunidade universitaria 210 euros todos os cursos / Taxa xeral 420 euros todos os cursos

 Información

http://www.usc.es/cultura

981 563 100 ext. 11021 / 11103  / 11018

Blog: auladeteatrodausc.wordpress.com

Cursos recoñecidos con créditos de libre configuración (Código: 2008/164)

 

Advertisements

4 Responses to Curso académico 2011/2012

  1. Sabela di:

    Ola, gustaríame saber se se van a realizar cursos de iniciación ao teatro no 2º semestre, xa que no anterior non tiven ocasión de anotarme. Saúdos

    • Neste segundo semestre non hai cursos de iniciación á interpretación, como o taller de interpretación dirixido por Roberto Leal. Con todo, aínda que non teñas experiencia en movemento corporal ou comedia da arte podes facer estes cursos, que terán lugar a partir de marzo.

  2. migueltxaves di:

    Boas! É posible que quede algunha praza todavía no curso de Comedia da Arte? Grazas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s