Curso académico 2012/2013

Taller de arte dramática: iniciación á interpretación    

Profesor: Roberto Leal        

Datas: 1,3,8,10,15,17,22,24,29,31 de outubro/ 5,7,12,14,19 de novembro

Horario: 12,00 – 14,00  (30 horas lectivas)

Lugar: Sala de teatro Roberto Vidal Bolaño

Prazas: 12

Un curso práctico dirixido a persoas que se inician na arte dramática onde se poderá experimentar, a través dos distintos elementos da linguaxe teatral, un completo proceso de traballo de creación dramática. A partir dun texto previo, o alumno será o auténtico protagonista do proceso estimulando a creatividade individual e de grupo nas distintas facetas das que se compón unha montaxe (interpretación, dirección, escenografía, vestiario, maquillaxe…)

Obxectivos:

Potenciar a conciencia dramática e escénica.

Activar a nosa atención, a nosa sensibilidade e a nosa imaxinación.

Aprender a dicir e interpretar os textos.

Xogar coas posibilidades do noso corpo como elemento de expresión, coa  voz, co ritmo, coa entoación…

Coñecer os rudimentos da montaxe escénica, representando pequenas escenas ou fragmentos de textos teatrais.

Técnica vocal para actores

Profesor: Pablo García Ferradás

Datas: 8,9,15,22,23,29,30 de outubro / 5,6,12,13,19,20,26,27 de novembro

Horario: 19,00 – 21,00  (30 horas lectivas) 

Lugar: Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia)

Prazas: 15

A técnica vocal do actor implica un coñecemento dos fundamentos da fonación. Necesitamos dun aparato fonador adaptable e dúctil para que sexa maleable ante as infinitas personaxes que necesitemos encarnar. Por iso é preciso a aprendizaxe dunha técnica vocal que garanta por unha banda o uso eficaz da voz ao servizo da interpretación, a través da potenciación das calidades vocais do actor e por outra parte que axude a previr problemas vocais que poidan lesionar a saúde do aparato vocal.

 DINÁMICA DE TRABALLO

– Anatomía da fonación: a través dunha exposición teórica, contando cunha presentación en Power Point e material audiovisual de distinta índole tratarase de explicarlle ao alumno os distintos sistemas que compoñen o aparato fonador e como funciona o mecanismo fonatorio.

– Traballo corporal: este apartado faranse exercicios de postura, relaxación e respiración que dalgún xeito preparen o corpo para poder emitir a voz correctamente.

-Traballo vocal: os contidos exposto na parte vocal abordaranse mediante un riguroso traballo a través de diferentes exercicios realizados de forma individual ou grupal, como vocalizacións, xogos vocais, etc.

Buscaremos a parte práctica de todo o visto anteriormente a través do traballo de recreación de diferentes situacións vocais, sobre textos teatrais, improvisación, etc.

– Hixiene e coidados da voz: trataranse aspectos relativos a hábitos saudables e conductas vocais preventivas para preservar a saúde do aparato vocal.

OBXECTIVO XERAL

O que se pretende acadar coa realización deste curso e que o alumno chegue a coñecer un pouco máis a súa voz, o seu funcionamento e otorgaráselle todas aquelas ferramentas que lle sirvan para coidala e sobre todo para potenciala, a través do coñecemento e a aplicación dunha técnica vocal liberadora da voz, e deste xeito que apliquen saudables patróns vocais a súa labor interpretativa.

OBXECTIVOS ESPECÍFICOS

– Entender a relación corpo-voz.

– Adquirir un tipo respiratorio axeitado para un óptimo funcionamento da voz.

– Mellorar as cualidades vocais en xeral: timbre, potencia, etc.

– Acadar un bo nivel de proxección e impostación da voz.

– Conseguir unha articulación clara para unha correcta intelixibilidade.

– Alcanzar un control da modulación: tempos, intesidades, pausas, énfase, etc

Iluminación            

Datas e horarios: 19,20 novembro (17,00 – 19,00) / 11 decembro (10,30 – 14,00) / 4,5,6 marzo (10,30 – 14,00 ou 17,00 – 21,00. O alumno pode escoller quenda, pero tamén pode asistir a ambas as dúas)

Lugar: sala de teatro Roberto Vidal Bolaño (novembro).

Prazas: 7

Introdución á iluminación teatral. Tipo de proxectores e rendementos. O uso da cor. A luz sobre o actor e os obxectos.

Este curso, de carácter práctico, será impartido durante tres procesos do traballo da Aula de Teatro:

            -Deseño de luces da nova produción teatral (novembro)

            -Estrea da nova produción teatral (decembro)

            -Compañías programadas no Festival Internacional de Teatro Universitario (marzo)

É de esixencia excluínte a asistencia íntegra ás sesións dos días 19,20 novembro / 11 decembro/ 4 marzo

Escrita teatral

Profesor: Roberto Salgueiro

Datas: 17,18,19 decembro/ 7,14,21,29 xaneiro/ 11,12 marzo

Horario: 19,00 – 21,00 (29 horas lectivas)

Lugar: Colexio de San Xerome (Praza do Obradoiro)

Prazas: 14

 Este curso está dirixido para exercitar a práctica da escrita teatral a partir do dominio de conceptos básicos (obxectivo, conflito, segundo plano, circunstancias dadas) cara moi diversas execucións estéticas.

As tres primeiras sesións centraranse no estudio das ferramentas básicas da construción dun texto teatral e as posibilidades estéticas de contar un mundo escénico, para despois dedicar as sesións á escrita e comentario dos textos elaborados polos alumnos.

Monográfico de interpretación

Profesor: Roberto Salgueiro

Datas: 29,30 de xaneiro/ 4,5,6,11,13,18,19,20 febreiro

Horario: 18,00 – 21,00  (30 horas lectivas)

Lugar: Sala de teatro Roberto Vidal Bolaño

Prazas: 12

 TEXTOS

No presente seminario traballaremos a interpretación desde a posta en escena de varios fragmentos das seguintes obras:

Esperando a Godot, de S. Beckett  

Los gatos, de Agustín Gómez Arcos. (No caso deste texto, facilitarase aos alumnos a versión en lingua galega estreada pola Aula de Teatro baixo o título “Historia de Pura e Angelita”)

É condición indispensable ter lidos os textos con antelación ao curso.

CONTIDOS

Aspectos centrais a tratar:

      Análise do personaxe

      Conceptos básicos de construción

      O corpo e a voz como ferramentas dun valor estético

      A escoita en escena e o valor doutro

      A contención de enerxía: o control físico e emocional

      Exercicio final de presentación

 OBXECTIVOS

      Dotar o/a alumno/a das ferramentas precisas para construción    dun traballo de interpretación coherente e verosímil

Dado que a meirande parte do traballo se realizará individualmente e por parellas, o curso está aberto ben a persoas que se están iniciando na interpretación como a aquelas outras que conten xa con experiencia.

Comedia da arte

Profesor: Alberte Cabarcos

Datas: 1,2,3,8,9,10,15,16,17 de abril 

Horario: 18,15 – 21,00  (25 horas lectivas) 

Lugar: Sala de teatro Roberto Vidal Bolaño

Prazas: 10

Curso de iniciación á comedia da arte. Personaxes, tipoloxía, movemento. A improvisación.

A “commedia dell’arte” é un xogo de disposicións estritas, como todo xogo teatral, que aglutina varias técnicas de creación e interpretación e que traballa moitos aspectos importantes na formación dun actor: a expresividade corporal; a contención do xesto e a súa articulación e ritmo; a improvisación; o traballo de creación individual dentro dun colectivo rítmico de personaxes; a caricatura, a bufonada; a estratexia na consecución dos obxectivos; a escoita; a acción/reacción. A commedia foi o principio do oficio do actor como hoxe o entendemos: do actor creativo, que procura no seu corpo a súa principal ferramenta de traballo. E isto aconteceu logo de acochar a cara cun coiro: logo de poñer a máscara. Unha máscara que despois de ser expresiva foi neutra para descubrirmos canto de neutro e de expresivo pode e ten que ser o noso corpo.

Á máscara cómprelle dar vida, sostela como sostemos as palabras,  dándolle a cada movemento, a cada pausa e a cada acción o ton, o volume e o ritmo que queremos transmitir. E todo isto debemos facelo en compañía doutras máscaras. Cos seus ritmos, intencións, obxectivos e comportamentos, nunha sorte de improvisación casual estritamente ensaiada.

  • Introdución ao traballo corporal. Relaxación, tensión, enerxía.
  • Xogo dramático. Creación e improvisación.
  • Presentación de arquetipos/personaxes. Zanni, Capitano, Dottore, Pantalone, Namoratti…
  • Introdución á comedia da arte. Técnicas e Canovaccios. 

 As sesións de traballo estrutúranse en tres fases:

            1º.-      Quecemento, estiramentos e técnicas corporais.

(Training, acrobacia, dispoñibilidade, atención, concentración…)

            2º-       Presentación de conceptos. Práctica e exercicios.

(Introdución á Commedia dell’arte)

            3º-       Traballo, ensaio e exposición.

O obxectivo é que o alumno coñeza o traballo do actor en relación coa Commedia dell’arte e dispoña dos coñecementos básicos necesarios para seguir a profundar no campo da commedia. Así mesmo, poñerase a disposición dos alumnos unha metodoloxía de traballo que lle servirá para desempeñar a súa actividade noutros xéneros ou estilos teatrais, sendo isto de gran interese na formación inicial dun actor.

Programa gratuíto para integrantes das compañías de teatro da USC

As persoas interesadas deberán presentar un breve currículo e datos de contacto antes do día 30 de novembro do presente curso académico.

Introdución á dirección de escena. Elementos constitutivos dunha montaxe teatral: texto teatral, conceptos de análise, o actor, a escenografía, a iluminación, o espazo sonoro e o vestiario.

Profesor: Roberto Salgueiro

Datas e horario a convir cos participantes

Prazas: 14

Matrícula gratuíta 

MATRÍCULA e INFORMACIÓN

 

Prazo e lugar de matrícula

Desde o 17 de setembro ata cubrir as prazas por rigorosa orde de inscrición, na Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua (Colexio de San Xerome, Praza do Obradoiro, s/n)

Prezos

Comunidade universitaria 35 euros cada curso / Taxa xeral 70 euros cada curso

Información

http://www.usc.es/cultura

981 563 100 ext. 11021 / 11103  / 11018

Cursos recoñecidos con créditos de libre configuración: 1 crédito cada 25 horas

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s