Módulo I (2017)
Conceptos básicos da interpretación teatral. Estar en escena.
Datas:
Todos os mércores e xoves, do 4 de outubro ao 13 de decembro
Horarios:
Movemento en escena: 19,00 – 19,50
Interpretación: 20,00 – 22,00
Presentación de proxectos: 14 de decembro
Módulo II (2018)
Ferramentas de traballo para a creación.
Datas:
Todos os mércores e xoves, do 31 de xaneiro ao 15 de marzo
Horarios:
Movemento en escena: 19,00 – 19,30
Interpretación: 19,40 – 21,40
Módulo III (2018)
Prácticas
Todos os mércores e xoves do 4 ao 19 de abril, de 19,00 a 21,30
Presentación de proxectos: entre o 23 e o 29 de abril
Nota: Nos módulos II e III unifícanse as aulas coas/os alumnas/os de dirección, con quen se realizarán as prácticas.
IMPARTEN
Movemento en escena: Xiana Vilas
Interpretación: Roi Méndez (módulo I), Roberto Salgueiro (módulos II e III)
CONTIDOS.
A. MOVEMENTO EN ESCENA.
O coñecemento do propio corpo e as súas posibilidades de movemento son aspectos fundamentais na formación do actor. O obxectivo deste curso é utilizar o movemento e a expresión corporal como ferramentas para a exploración e o coñecemento do corpo.
Faremos un adestramento continuado e unha preparación física. Así, mediante o estudo e o uso do corpo traballaremos a flexibilidade, a forza, a relaxación e a capacidade expresiva do movemento. Utilizaremos secuencias coreográficas variadas para traballar a memoria coreográfica e centrarémonos tamén na expresividade e na compoñente psicolóxica. A improvisación utilizarase para provocar a desinhibición, a exploración natural dos movementos e para promover dinámicas de grupo.
Así mesmo, estudaremos as calidades de movementos en base a criterios relacionados co espazo, o tempo e o ritmo, a textura, o peso, e a continuidade. Isto vainos permitir a comprensión das posibilidades de movemento e a súa utilidade para a creación escénica e de personaxes.
A relación co outro será outros dos aspectos centrais do curso. Afondaremos na escoita á hora de moverse en consonancia con outros corpos , e aprendermos a usar o espazo que nos rodea en relación ás distancias e á xente que o compón.
Bibliografía recomendada
Von Laban, R. (1987). El dominio del movimiento. Madrid: Editorial Fundamentos
Shinca, M. (2002). Expresión corporal. Técnica y expresión del movimiento (3ª ed.). Barcelona: Editorial Praxis.
B. INTERPRETACIÓN
Establecendo puntos de partida.
A influencia da retórica durante os séculos XVII e XVIII na escasa formación do actor europeo incidiu de maneira fundamental nunha concepción logocentrista da interpretación: o actor, respondendo a uns ou outros códigos xestuais, estaba ao servizo dun texto que debía ser, fundamentalmente, enunciado. Este peso da palabra dita aínda é perceptible hoxe non só nunha praxe escénica abondo espallada senón na propia concepción que o público, en xeral, ten da arte do actor. Atrapado no texto, o corpo e o ánimo do intérprete padecen os límites que a palabra literaria impón, e por esta razón o actor debe recoñecer cales son as ferramentas básicas coas que conta para construír un personaxe. Así, a súa materialidade (corpo e voz, e necesariamente nesta orde) deben constituírse en punto de partida básico. E comprender o valor estético desa materialidade resulta unha necesidade principal. Por esa razón, non é obxectivo deste curso establecer un xeito de estar en escena, presentar una única maneira (estética) de entender a interpretación teatral. Ao contrario, é a principal intención abrir as portas a un mundo amplo onde os personaxes poidan ser construídos e exhibidos desde diferentes ángulos, recoñecendo que o punto de partida sempre é o mesmo: as incertezas e medos, as alegrías e ánimos, as emocións e o alento que se conteñen nun recipiente de carne e óso que a natureza lle outorgou a cada actriz e a cada actor, e que estes deben de coñecer para despois situalo en escena desde una perspectiva estética definida.
O rigor, a disciplina e a ética deste traballo conforman un xeito de entender a arte dramática que, en definitiva, vai modelar a creación que imos compartir co público. Non se trata de ser actor, senón de como ser actor. E nese como entran en xogo valores éticos e estéticos.
Bibliografía básica
Brook, P. (1994). La puerta abierta. Reflexiones sobre la actuación y el teatro. Barcelona: Alba Editorial.
Féral, Josette (2001) Os camiños do actor. Vigo: Editorial Galaxia.
Knébel, Maria O. (1991). Poética de la pedagogía teatral. México DF: Siglo XXI.